WhatsApp permitirá silenciar as chamadas de números descoñecidos

luns, 6 de marzo do 2023 Marcus Fernández

WABetaInfo está a dar conta dunha novidade que están a preparar para WhatsApp, longamente agardada por moitos usuarios que padecen a súa ausencia, e que consiste nunha opción que permite silenciar as chamadas de números descoñecidos. Deste xeito, cando unha persoa que non teñamos na listaxe de contactos do noso móbil nos chame por WhatsApp, non se escoitará o son de chamada, aínda que si quedará a comunicación rexistrada no histórico de chamadas e aparecerá no centro de notificacións.
Esta nova función busca reducir o nivel de interrupcións que podemos ter, así como evitar chamadas indesexadas, que en moitos casos corresponden a calotes ou a publicidade non solicitada. De feito, resulta abraiante que non existise esta función antes, pois claramente estamos ante un problema de seguridade, que deixaba indefensos aos usuarios ante comunicacións por WhatsApp pese a que os seus dispositivos xa contasen con medidas para protexerse contras as chamadas non desexadas.

PUBLICIDADE