WhatsApp permite intercambiar documentos en calquera formato

venres, 14 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A aplicación de WhatsApp está a recibir estes días unha actualización importante que completa unha prestación principiada en marzo: a posibilidade de intercambiar dende a aplicación calquera tipo de ficheiros. Inicialmente WhatsApp abríase a ficheiros non multimedia cos documentos en formato PDF, para logo abrirse tamén a documentos creados coas aplicacións ofimáticas de Microsoft, pero agora xa é posible intercambiar documentos de calquera tipo dentro das conversas, de xeito que xa non será preciso recorrer ao correo electrónico para remitir certos tipos de ficheiro.
A aplicación tamén permite agora enviar ficheiros multimedia sen recomprimir con tamaños de até 100 Mbytes, o que resulta moi práctico para cando se quere remitir a alguén unha fotografía ou un vídeo sen que a súa calidade se degrade.
Cómpre lembrar que o feito de permitir o intercambio de documentos en calquera formato pode provocar grandes problemas de seguridade, xa que o WhatsApp poderá converterse agora nun imporante vector de infección para o malware, de xeito que haberá que ter certo tino se recibimos ficheiros non solicitados, xa que poderían agochar desagradables sorpresas.
Outras novidades que está a recibir WhatsApp tamén sería a posibilidade de acceder ás fotografías e aos vídeos do noso teléfono deslizando cara arriba dende a cámara da aplicación; tamén facilítase a incorporación de tipografías en letra grosa, cursiva ou tachado; e a funcionalidade de chamadas de voz e videochamadas tamén conta con melloras de deseño.

PUBLICIDADE