WhatsApp permite descargar adhesivos de xeito independente

martes, 5 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O uso dos adhesivos nos chats converteuse practicamente nun estándar, e a incorporación de WhatsApp a esta tendencia non só foi tardía, senón que tamén optou por un método bastante incómodo, consistente na descarga de lotes de stickers a través dunha selección de aplicacións en Android (método que Apple vetou no iPhone por considerar que unha aplicación non pode modificar o comportamento de outra por seguridade), pero dende a versión beta de WhatsApp (que chegará á vindeira actualización oficial da aplicación) podemos por fin explorar entre os paquetes de adhesivos dispoñibles e premer sobre un en concreto para descargalo de xeito independente engadíndoo aos nosos stickers favoritos, de xeito que para empregalo non temos que andar a explorar grandes conxuntos de adhesivos que non son do noso agrado.
Para gozar desta prestación en Android temos que ter a versión 2.19.33 ou superior da aplicación, aínda que tamén chegará a iOS a partires da versión 2.19.20.19, limitándose aos paquetes dispoñibles na tenda de adhesivos.
Pero este só será unha das novidades de WhatsApp que están por chegar, senón que tamén se comenta que o sistema de pagamentos dentro da aplicación, actualmente dispoñible na India, vai chegar a máis mercados, sendo México un dos primeiros países en contar con WhatsApp Payments, aínda que existe a posibilidade de que en breve tamén estea dispoñible nos EE.UU., algo bastante sorprendente pola pouca penetración que ten a ferramenta de comuncicación en tal mercado.

PUBLICIDADE