WhatsApp permite conservar os comentarios nos reenvíos

martes, 29 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A versión de proba de WhatsApp está a incorporar unha interesante novidade que en breve chegará ao resto de usuarios e que muda o xeito de realizar reenvíos dentro da aplicación móbil. Até o momento, cando reenviabamos unha imaxe, un vídeo ou un documento a outra persoa, o comentario co que se recibira orixinalmente perdíase e, de querer conservalo, en vez de facer un reenvío había que compartir a mensaxe, o que resulta máis complicado (e descoñecen a meirande parte de usuarios).
Para facer máis práctico o reenvío de ficheiros dentro de WhatsApp estase a activar unha nova operativa que consiste en que, cando eliximos os destinatarios da mensaxe que queremos reenviar, aparécenos o texto asociado xunto á miniatura, presentando un signo de x na parte superior dereita do texto, e se o prememos o texto desaparece e non formará parte do reenvío.
Este xeito de reenviar mensaxes de WhatsApp funciona con reenvíos individuais, e non con reenvíos de varias mensaxes á vez, que seguirán a perder o texto asociado.

PUBLICIDADE