WhatsApp permite a reprodución de vídeos antes de completar a súa descarga

xoves, 24 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Dende WhatsApp están a preparar bastantes novidades, e tras a estrea das videoconferencias na aplicación e as probas dun sistema de publicacións de estados na liña das Historias de Snapchat ou Instagram están a despregar actualmente unha nova funcionalidade para a versión de Android da súa aplicación de mensaxería: a posibilidade de poder comezar a reproducir un vídeo antes de que remate a súa descarga. Deste xeito a carga progresiva achegaría unha experiencia semellante á de YouTube e outros servizos de vídeo en streaming, evitando así ter que agardar á descarga completa dos vídeos de maior duración para poder velos.
Unha das grandes vantaxes desta nova funcionalidade é que, cando recibamos un vídeo, podemos comezar a velo e incluso interromper a descarga e borrar o vídeo se vemos que non é do noso interese, o que chegaría a supor un aforro de tempo e de consumo de datos no móbil.

PUBLICIDADE