WhatsApp incrementa as opcións para as mensaxes temporais

martes, 7 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Como un xeito de mellorar o control dos usuarios sobre as súas mensaxes, WhatsApp incrementa as opcións de desaparición automática, de xeito que agora podemos non só activar que todas as novas conversas da aplicación teñan as súas mensaxes configuradas como temporais, senón que tamén permite definir o seu tempo de caducidade en 24 horas, 7 días ou 90 días, o que resulta moi práctico para os que non queiran deixar pegada das súas conversas a longo prazo ou para os que simplemente busquen un uso máis hixiénico da mensaxería instantánea (ou sexa, facer limpeza de xeito periódico e automático, evitando así o esforzo de ter que facer limpeza de mensaxes cando temos problemas de espazo no móbil).
A configuración das mensaxes temporais non só poden realizarse de xeito global, para todas as conversas novas, senón tamén en calquera das conversas que teñamos activas, nas que podemos indicar a caducidade das mensaxes en cada unha de xeito independente.
No verán WhatsApp tamén estreou os contidos que desaparecían tras verse unha única vez, polo que enténdese que existe preocupación entre un bo número de usuarios sobre a permanencia das súas comunicacións a longo prazo en dispositivos alleos, e para evitar que busquen ferramentas de mensaxería alternativas dende WhatsApp queren ofrecer ferramentas que fagan doado un maior control da privacidade.

PUBLICIDADE