WhatsApp está a bloquear a usuarios que empregan WhatsApp++ en iOS

martes, 7 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Existen trucos para instalar aplicación como WhatsApp++ no iPhone sen facer jailbreak, pero o risco de empregar este tipo de ferramentas é moi elevado

Dende hai tempo existen versións alternativas de WhatsApp, con grande aceptación especialmente entre usuarios de Android, pero que supoñen un grande risco, xa que carecen de autorización do servizo, polo que poden supor o bloqueo dun número de teléfono para o uso da ferramenta. No iPhone é menos frecuente o uso deste tipo de software, xa que para a súa instalación hai que recorrer ao jailbreak ou a algún método semellante para poder instalar aplicacións que non estean na App Store, de aí que non parecese moi probable que dende WhatsApp fosen tomar medidas, pero finalmente están a dar conta de usuarios que tras instalar versións modificadas de WhatsApp en iOS, concretamente da aplicación WhatsApp++, están a ver como as súas contas de usuario quedan bloqueadas.
Cómpre así lembrar que WhatsApp só ten unha aplicación oficial para o seu servizo, e o uso de aplicacións alternativas supón un serio risco, de xeito que, en caso de detección, tanto pode recibirse unha suspensión temporal como un bloqueo definitivo da conta (ou sexa, do número de teléfono para o seu uso en WhatsApp) o que pode ocasionar grandes molestias, por supor certo nivel de incomunicación en países como España nos que o WhatsApp colleu o relevo case totalmente das mensaxes de texto.

PUBLICIDADE