WhatsApp despídese dos Nokia Asha

luns, 31 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos WhatsApp está a soltar lastre, eliminando o soporte de aplicacións para vellos móbiles, pero a grande presenza de terminais obsoletos en certos mercados levou a que acumulasen prórrogas ao cesamento do servizo en dispositivos, de xeito que, por exemplo, os móbiles con Android 2.3.7 e os iPhone con iOS 7 aínda poderán usar WhatsApp até o 1 de febreiro de 2020, pero a quen se lle remata hoxe mesmo o tempo é aos dispositivos baseados en Nokia S40, como a popular serie Nokia Asha, que comezarán 2019 sen a posibilidade de usar a popular aplicación de mensaxería instantánea.
Dende WhatsApp lembran que os dispositivos que consideran obsoletos non están a recibir actualizacións, de xeito que non poden gozar das novas funcionalidades e poden tamén perder prestacións en calquera momento, polo que non recomendan o seu uso, instando aos usuarios a utilizar móbiles que teñan Android a partires da versión 4.0, iOS a partires da versión 8, Windows Phone 8.1 ou superior, ou incluso JioPhone ou JioPhone 2.

PUBLICIDADE