WhatsApp dá conta das melloras que están a recibir as chamadas de voz e vídeo

xoves, 15 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Dende WhatsApp están a facer un repaso das melloras que está a recibir a súa aplicación para as chamadas de voz e vídeo, como é o feito de poder establecer chamadas con até 32 persoas (antes o límite era de 8 participantes en cada chamada grupal); a posibilidade de facer unha pulsación prolongada sobre algún dos participantes dunha chamada grupal para poder silenciar o seu micrófono ou mandarlle unha mensaxe sen interromper a chamada; e a creación de ligazóns para poder convidar a outras persoas a unirse a unha chamada.
A maiores tamén anuncian que as ondas que indican que cada persoa está a falar (se non ten a cámara activa) saen en distintas cores; cando alguén se xunta a unha chamada grupal aparece un rótulo informando da súa incorporación; e no caso de iOS están a preparar a opción de que activar o Picture in Picture, de xeito que durante unha chamada podemos ter unha versión minimizada da chamada, que permita continuar a facer outras tarefas no dispositivo. Esta última opción está xa en probas e chegará a todos os usuarios en 2023.

PUBLICIDADE