WhatsApp acada os 900 millóns de usuarios

venres, 4 de setembro do 2015 Redacción

O servizo WhatsApp vén de amosar as súas cifras respecto ao volume da súa comunidade, uns números que desvelan calquera tipo de dúbida que se poida ter acerca do seu dominio no ámbito da mensaxería instantánea: un dominio total e absoluto sobre os seus competidores (por exemplo Line ou Telegram). En termos concretos, falamos xa de máis de 900 millóns de usuarios, unha cantidade que non só confirma que WhatsApp está por diante da competencia senón que medra coma a escuma: hai ben pouco, en xaneiro, a comunidade estaba integrada por 700 millóns de persoas.
Este fito acompañouse (e complementouse) dunha serie de novidades recentes, como por exemplo as chamadas de voz sobre IP ou a remodelación integral da feitura da ferramenta para o sistema Android.
O éxito en número de seareiros (estes 200 millóns de usuarios gañados en cuestión de meses e os 700 que xa foran acadados en anos anteriores) cómpre atribuílo, entre outras cousas, a factores como a compatibilidade integral do servizo con todos os sistemas operativos de meirande uso, o crecente ritmo de innovacións e novidades e o feito de ter aproveitado como ningunha outra empresa a ampla marxe de potencialidade comunicativa dos dispositivos conectados e intelixentes. O resultado é a devandita cifra de usuarios e outros datos como os máis de 1.000 millóns de descargas en Google Play Store.

PUBLICIDADE