WeChat estrea un localizador de morosos en China

luns, 21 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

En Europa temos unha cultura da protección de datos consolidada, de aí que nos sorprenda enormemente que na provincia chinesa de Hebei vaian pór en marcha unha mini-aplicación integrada en WeChat (a plataforma de mensaxería dominante no país) na que os usuarios poden detectar aos morosos que estean nun radio de 500 metros, amosando os seus nomes, números de identificación nacionais e motivo polo que están nesta listaxe negra de debedores.
Este tipo de ferramenta busca instar aos morosos con capacidade económica a satisfacer as súas débedas, para que así non estean no punto de mira dos seus veciños como persoas que non pagan as súas contas. De feito, as autoridades chinesas queren levar este tipo de medidas moito máis aló, e incluso pretenden crear todo un sistema de crédito social no que a xente reciba unha puntuación en función das súas interaccións con institucións públicas e privadas, de xeito que comportamentos como as infraccións de tráfico ou a divulgación de desinformación en liña poderían prexudicar a súa reputación.

PUBLICIDADE