Walt Mossberg retirarase en xuño

venres, 7 de abril do 2017 Marcus Fernández

O rostro máis coñecido do xornalismo tecnolóxico mundial, Walt Mossberg, quen tras 22 anos analizando produtos de electrónica de consumo para The Wall Street Journal decidiu iniciar en 2014 o proxecto Re/code, conseguindo converterse en toda unha páxina web de referencia nos EE.UU., pero esta aventura editorial vai perder a un dos seus fundadores, xa que Mossberg vén de anunciar que vai retirarse no mes de xuño, pondo así fin a unha carreira de 47 anos, por considerar que aos 70 anos xa era hora de abandonar a súa actividade profesional, deixando claro que é unha decisión persoal que non responde a presións externas nin ao seu estado de saúde.
Mossberg converteuse en columnista tecnolóxico en 1991, e dende aquel momento foi unha das voces de referencia á hora de narrar as transformacións dos ordenadores persoais, o enorme salto do acceso á Rede a través de modems analóxicos até a actual banda larga móbil, a emerxencia dos smartphones e dar redes sociais... ou sexa, que tivo a fortuna de poder contar ao mundo toda unha revolución dende a primeira liña de fogo, xa que o seu prestixio facilitoulle o acceso aos principais directivos das empresas de Silicon Valley, así como a poder probar numerosos produtos antes do seu lanzamento, de xeito que contaba cunha perspectiva de excepción que sen dúbida aproveitou.
O director xeral do conglomerado editorial para o que traballa actualmente Mossberg, Jim Bankoff, quixo dedicarlle unhas palabras de despedida ao que consideraba «unha lenda», non dubidando en consideralo o mellor analista de produtos tecnolóxicos a nivel mundial e advertindo de que a despedida terá lugar despois da Code Conference, encontro que promete converterse en toda unha festa na que sen dúbida renderán tributo a un grande profesional que axudou a divulgar moita da tecnoloxía que agora forma parte das nosas vidas.

Instantánea na que podemos ver a Mossberg hai 10 anos conversando con Steve Jobs durante unha das entrevistas que lle fixo en público

PUBLICIDADE