Vulneran a seguridade do lector de pegadas do iPhone 5S

luns, 23 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A pasada fin de semana púxose á venda en varios países o novo iPhone 5S, e aínda que Apple presumiu en numerosas ocasións da súa tecnoloxía integrada de lectura de pegadas dixitais, Touch ID, asegurando que non se parecía a ningún outro lector do mercado e incluso chegando a detallar que non funcionaría con dedos amputados (ante o medo dos potenciais compradores de que un ladrón puidese arrebatarlles un dedo para poder facerse co seu terminal); pero esta tecnoloxía parece non ser tan segura como podía parecer, e a poucas horas do lanzamento do móbil un equipo especializado en sistemas biométricos do Chaos Computer Club (CCC) conseguiu superar a seguridade do TouchID clonando unha pegada e enganando o sensor como pode verse nun vídeo que publicaron en YouTube.
Con esta demostracións o CCC quere insistir na falta de seguridade das pegadas dixitais como métodos de control de acceso biométricos, pois nesta ocasión chegou con tomar unha pegada dunha superficie de cristal, e procesala fotografándoa a 2.400 puntos por polgada e imprimindo a 1.200 puntos por polgada unha versión invertida nunha lámina transparente na que colocar unha capa de leite de látex rosa ou cola branca, creando unha copia dunha pegada que pode enganar ao sensor do iPhone 5S, de xeito que temos que a única diferencia práctica entre este sensor e outras solucións no mercado sería que no móbil do iPhone o escáner de pegadas ten unha resolución maior.
Dende o CCC insisten en que “é unha parvada empregar algo que non podes cambiar e que deixas por todas partes cada día como elemento de seguridade”, engadindo que a biometría emprégase como medida de “opresión e control, non para asegurar dispositivos de uso diario”.


Vídeo no que podemos ver a demostración da vulnerabilidade descuberta polo CCC do TouchID

PUBLICIDADE