Vueling xa ofrece contidos en galego

xoves, 25 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os galegos semella que xa contamos para Vueling, compañía que até o de agora non tiña incluída a nosa lingua nos seus servizos na web, malia si que tiña as restantes do estado español. Logo das numerosas peticións da comunidade internauta, de colectivos como a CiberIrmandade da Fala e da Mesa pola Normalización, a compañía de voos vén de facer caso dos pregos de protesta e incluír as súas funcionalidades en galego, malia que segundo din algúns usuarios, non se trata do cen por cen das funcións: por exemplo, o banner central aínda non se pode ler na nosa lingua.
Sexa como sexa, a nova non semella que estea a deixar a todo o mundo contento. En Chuza!, por exemplo, está a desencadear un debate sobre a comenencia ou non de ter incluído Vueling o galego no seu portal, existindo xa como existía o portugués. É dicir, para moitos dos chuzeiros, a inclusión desta norma do galego concreta na web é unha duplicación innecesaria de esforzos, sendo o portugués o mesmo có galego. Na outra banda, sitúanse os que opinan que son cousas diferentes. Sexa como sexa, hai unha realidade que non se pode negar: os internautas xuntáronse, enviaron pregos de protesta e acadaron o seu obxectivo.

PUBLICIDADE