Vueling estrea unha aplicación de xestión de voos para iPhone

mércores, 6 de xullo do 2011 Raquel Noya

A operadora nacional Vueling, na súa teima por satisfacer as demandas dos seus clientes e adaptarse ás novas esixencias do mercado, vén de estrear unha aplicación de compra de voos para iPhone, que permite realizar en liña tódolos trámites que ata o de agora había que facer in situ e que levaban (por norma xeral) máis tempo que a propia viaxe.
A ferramenta permite reservar voos a calquera destino no que a compañía opera dende o propio móbil, e de paso, aproveitar as vantaxes dos servizos de valor engadido que ofrece a tramitación telemática.
A aplicación, que xa é a terceira máis descargada na Apple Store en España, está dispoñible para descargas de balde en inglés e español, e grazas á súa interface sinxela e intuitiva, calquera usuario pode facturar en liña, descargar a tarxeta de embarque, asignar asento, cambiar a hora e/ou día de voo e obter acceso directo ao Centro de Atención ao Cliente, comodamente dende o seu iPhone.
A compañía, que asegura ter duplicado as vendas a través do móbil grazas á última actualización (lembremos que en 2008 lanzou o seu propio portal móbil para todo tipo de dispositivos), está a traballar agora na adaptación desta mesma aplicación para o sistema operativo Android, así como nunha serie de melloras baseadas na xeolocalización e nos sistemas de alertas.
Por outra banda, Vueling é, segundo afirman, “a única aeroliña europea que desenvolveu unha aplicación de compra específica para Facebook e outras plataformas online (blogs)” que pode agregarse ao perfil do usuario para que este poida realizar procuras e reservas sen necesidade de abandonar a páxina na que se atope.

PUBLICIDADE