Vueling estrea códigos bidi para levar as tarxetas de embarque no móbil

martes, 15 de setembro do 2009 Raquel Noya

Vueling, a aeroliña de baixo custe que se define a sí mesma como “de nova xeración”, vén de introducir unha novidade moi interesante nas súas tarxetas de embarque, que é levalas ao teléfono móbil, prescindindo así das antigas tarxetas de papel que as persoas usuarias tiñan que imprimir dende as súas casas ou oficinas.
Trátase dunha alternativa de balde que, nun principio, estará dispoñible para todos os voos que partan dos aeroportos de Barcelona e Bilbao, tanto domésticos como internacionais. A partir de aí, Vueling irá estendendo o proxecto polo resto do país, a medida que a funcionalidade vaia sendo despregada por AENA no resto dos seus aeroportos.
O novo sistema é de amplo alcance ao ser apto para ser empegado polo 95% dos móbiles en funcionamento en España.
Durante o período de proba, máis de 1.000 pasaxeiros usaron con éxito este sistema na Terminal 1 do aeroporto de Barcelona, á que Vueling trasladou as súas operacións o pasado mércores 9 de setembro.
Con este novo sistema de embarque, o pasaxeiro tan só precisa do seu teléfono móbil para ir dende a casa ou a oficina ata o propio asento no avión, podendo optar tanto por imprimir a súa tarxeta de embarque como solicitar o envío desta ao seu teléfono móbil.
Se escolle esta última opción, a tarxeta de embarque chegaralle en forma de SMS, contendo a información da reserva en formato texto e unha ligazón a través da cal se accede a visualizar un código bidimensional (e, de novo, os datos da reserva).
Xa co seu código bidimensional cargado no móbil, o pasaxeiro pode dirixirse cara ao aeroporto, dende onde poderá pasar tanto os filtros de seguridade como a porta de embarque, tan só pasando a pantalla do seu teléfono polo lector de códigos instalado para tal efecto.
A tarxeta de embarque móbil está dispoñible ata 7 días antes da data do voo. Para poder sacala, o pasaxeiro tan só ten que acceder ao apartado check-in online de vueling.com.
A nova medida implicará un notable aforro de papel, posto que Vueling aspira “a que o 40% dos case 9 millóns de pasaxeiros que transporta en España nun ano completo de operacións poida chegar a facer uso deste sistema”.
Tendo en conta que a facturación dende a casa ou a oficina supón a impresión de dúas follas de papel por cada voo que se tome, o despregamento de este novo xeito de embarque levará consigo o aforro de ata 14 millóns de follas de papel, o que se traduce en 2.400 árbores (fan falta 17 árbores para fabricar unha tonelada de papel).
Postos en liña, os 14 millóns de folios, de 29,7 cm de longo cada un, cobren 4.158 km, o que equivale á distancia entre Barcelona e Terra Nova, en Canadá.

PUBLICIDADE