Vueling bautizará os seus avións a través de Facebook e Twitter

martes, 28 de xullo do 2009 Raquel Noya

Vueling, a aeroliña española que se define a sí mesma como “de nova xeración”, vén de lanzar un concurso, a nivel europeo, para que os seus clientes poidan bautizar cinco dos 18 novos avións que incorporou á súa frota a raíz da fusión con Clickair, proceso que culminou o pasado 15 de xullo.
A frota resultado da fusión está composta de 35 Airbus A-320, dos cales 18 poderán ser renomeados por calquera persoa, cliente ou non de Vueling, a través deste concurso, dende hoxe ata o vindeiro 2 de agosto.
As ideas poden enviarse a través da páxina oficial da compañía, así como ás contas de Vueling en Facebook e Twitter.
A compañía apostou polas redes sociais para interactuar de forma máis directa cos seus “fans”, que serán premiados con 10€ de desconto en voos, só por participar no concurso.
As 50 propostas máis orixinais, segundo os gustos dos responsables da iniciativa, entrarán nunha votación pública que se celebrará entre o 4 e o 9 de agosto. Os gañadores do concurso (resultantes dos 5 nomes que recibisen un maior número de votos ás 23.59 h do día 9) serán proclamados e dados a coñecer o 12 de agosto.
O autor do nome máis votado será premiado cunha visita ao hangar para presenciar, en directo, como a súa idea é plasmada na fuselaxe dun avión da aeroliña, e con cinco viaxes para dúas persoas (con dúas noites de aloxamento incluídas) a calquera destino Vueling da súa elección.
Os restantes catro gañadores obterán unha viaxe de balde, ida e volta, para dúas persoas, tamén a calquera destino onde a compañía teña conexión directa.

Click on Vueling
Ademais dos cinco nomes que xurdirán do concurso, a aeroliña xa conta cunha suxestión para un sexto avión, Click on Vueling, por iniciativa dos empregados da propia compañía.
O proceso de repintado da antiga frota de Clickair levarase a cabo dende mediados de setembro ata mediados de novembro, a medida que os aparatos vaian realizando as súas inspeccións periódicas. O repintado de avións é o único paso pendente no despregamento da marca Vueling a toda a frota de Clickair, cuxos interiores xa se encontran totalmente acondicionados dende a integración operativa de ambas as dúas compañías, a principios de mes.
Entre os nomes da antiga frota de Vueling destacan: Barceloning, Born to be Vueling, The joy of vueling e Vueling, que es gerundio!

PUBLICIDADE