Volven os Cafés con Ciencia de Ártabro Tech e a UDC

venres, 6 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A tecnolóxica galega Ártabro Tech e a Universidade da Coruña veñen de unir forzas, novamente, para facer divulgación tecnolóxico-científica ao estilo dos clásicos faladoiros que levaban as luces dos campus a cafeterías, casinos, auditorios, ateneos e demais. Unha vez máis, e logo das frutíferas experiencias do ano pasado (un éxito de asistencia e participación), os campus estenderán o radio de acción ao Casino Ferrolán, en virtude desta nova colaboración entre Ártabro Tech e a UDC. Estamos a falar do ciclo Cafés con Ciencia, que se reactivan este vindeiro mércores 11 de marzo.
Farano coa conferencia Tomografía muónica: unha ollada ao interior da materia, que pronunciará o doutor en Física Pablo Martínez a partir das 19.30 horas. Antes servirase un café ao público na sala de conversas.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla, e o CEO de Ártabro Tech, Alejandro Casteleiro, presentaron o programa este venres 6 de marzo, nun acto no que estiveron acompañados por Susana Martínez Galdós, presidenta do Casino Ferrolán.
Na cita, Casteleiro salientou a excelente acollida que tiveron anteriores conferencias e subliñou que o espírito do ciclo é “amosar á sociedade os beneficios que ten a investigación, así como poñer en valor os excelentes investigadores que saen das universidades públicas españolas e o traballo que tamén fan as empresas a prol do I+D”.
A vicerreitora, María Jesús Movilla, celebrou que actividades como esta permitan conectar á universidade coa sociedade. “A universidade ten que amosar a súa responsabilidade social, e este ciclo o que fai é compartir o coñecemento coa sociedade ferrolá”, destacou.
Primeira conferencia
O tema que se vai abordar na primeira conferencia do novo ciclo é a tomografía de muóns, en palabras da UDC e Ártabro Tech “unha tecnoloxía moi innovadora e con grandes aplicacións en moitos ámbitos”. Trátase, engadiron, “dunha técnica que permite analizar a materia no interior de obxectos de grandes dimensións, algo así como facer unha radiografía a cousas enormes sen empregar radiación artificial e perigosa”.
Pablo Martínez Ruíz del Árbol (Santander, 1982) é co-fundador de Muon Systems, primeira e única empresa en España adicada á aplicación desta técnica no eido industrial. Actualmente é investigador Ramón y Cajal no Instituto de Física de Cantabria e ten máis de 15 anos de experiencia liderando proxectos de física de altas enerxías no CERN.
Outros relatores
A falta de pechar a data exacta do resto das conferencias, na presentación de hoxe adiantáronse o resto dos relatores do ciclo, que incluirá un total de catro.
-Víctor de Ávila, director de Estrategia y Desarrollo de Sacyr, que o pasado ano recibiu o premio CIO of the Year Europe, participará no ciclo no mes de maio.
-Clara Grimá, unha prestixiosa matemática cunha destacada faceta divulgadora, pronunciará unha conferencia en xuño.
-Bruno Casal, físico de Partículas, pronunciará unha charla en outubro e falará do seu traballo actual no eido da detección do fraude en transaccións.
As charlas serán sempre ás 19.30 horas.

PUBLICIDADE