Volve este outono o curso de Vitae sobre como constituír os mellores equipos TIC
venres, 5 de novembro do 2021
Vitae
Consultores vai organizar estes meses de novembro e decembro unha
nova edición, a 17, da súa actividade formativa dirixida a mellorar
o día a día (a toma de decisións, a planificación, a xestión, a
creación dos máis axeitados grupos de traballo) dos responsábeis
dos equipos humanos nas empresas tecnolóxicas e, tamén, das persoas
encargadas dos departamentos de RR HH. O Curso
Avaliación e Sección Avanzada de Perfís TI terá 15 horas de
duración e celebrarase a través do formato de aula virtual, os días
29 de novembro e os días 15 e 20 de decembro.
Segundo informa
a consultora galega en relación coas motivacións de curso, un dos
problemas máis frecuentes cos que se atopan os profesionais de
selección e avaliación de equipos humanos reside no baleiro
formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas
psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a
que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir,
quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican
dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun
profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a
nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na
avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso
proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento
profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o
modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos
participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se
conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de
selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo
perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de
desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O
curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres
décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías
e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster
en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de
Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense
responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000
procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.