Volve Quero Cantar para encher YouTube de vídeos musicais en galego

xoves, 28 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Quen adoite andar nas redes á procura de vídeos musicais en galego de seguro que se ten topado nalgunha ocasión cos vídeos presentados ao certame Quero Cantar da Deputación da Coruña, un certame que xa ten tres convocatorias ás súas costas e do que teñen abrollado contribucións ao YouTube tan sobranceiras como Son Muller (de Máis boas cás patacas) ou Queremos xogar (de Os Nenos da Vella). Agora, a Deputación (a través da Área de Cultura e Normalización Lingüística) vén de presentar a cuarta entrega do concurso. As e os artistas infantís e xuvenis que queiran participar teñen até o 15 de outubro ás 14.00 horas para enviar as súas maquetas. O obxectivo, novamente, é animar a cantar na nosa lingua.
Os premios consisten en cantidades de 1.500, 1.000 e 500 euros en material musical para os tres primeiros clasificados en cada categoría, infantil e xuvenil; a gravación en estudio das cinco cancións máis votadas en cada categoría e a súa posterior edición nun disco que se distribuirá de balde a centros educativos de toda Galicia. Ademais, a canción gañadora de cada categoría gravará un vídeoclip que se porá nas redes para o desfrute da comunidade online galega e internacional.
Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da Área de Cultura fai un chamamento ao profesorado e ás familias a que animen a rapazada a presentarse a esta iniciativa porque “como xa comprobamos nas edicións anteriores, é unha experiencia emocionante e enormemente enriquecedora”.
Sobre os logros das anteriores convocatorias, Sanmartín salientou o éxito dos discos previos, o importante número de visitas aos vídeos subidos ao YouTube e as maquetas das edicións anteriores. Porén, dixo, “estamos certas de que isto vai ir cada vez a máis, xa que contamos co enorme talento da xente nova deste país, e estar aí para axudala é unha gran satisfacción”.
As persoas interesadas poden ampliar información consultando as bases na páxina web www.querocantar.gal ou contactando coa organización do certame a través das súas redes sociais. Entre as innovacións nas bases desta cuarta edición salienta o feito de que o único xeito admitido para o envío de propostas é o telemático.

PUBLICIDADE