Voluntariado Dixital aborda experiencias prácticas de innovación social a través das TIC

luns, 30 de xuño do 2014 Redacción

Os días 3 e 4 de xullo o Programa de Voluntariado Dixital celebra o terceiro módulo do seu Plan de Formación 2014 baixo o título Innovación Social. Experiencias prácticas. As xornadas, segundo informa AMTEGA (departamento responsábel do Programa), son de balde e pódese participar en modalidade presencial no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en Santiago de Compostela ou ben a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de A Coruña- Centro Cívico de Eirís, Sada, Ortigueira, Fisterra, Barreiros, O Vicedo, Ourense, Verín, Leiro, Celanova, Pontevedra, Valga, A Cañiza e Poio.
Ademais, poderá seguirse a través do Twitter coa etiqueta #innovacionDIX. Os interesados en participar poderán formalizar a súa inscrición a través dunha ligazón específica na web de voluntariado galego. Pódese consultar tamén o programa en formato pdf.
Na xornada do día 3 de xullo, Fernanda Jaramillo Polo, CEO de Social&Tech experta en e-inclusión, empregos dixitais e tendencias TIC e con máis de 14 anos de experiencia como directora de proxectos TIC socialmente innovadores, introducirá aos asistentes no concepto de innovación social como medio de afrontar os novos retos da sociedade transformándoos en oportunidades de emprego.
Pechará esta xornada Rurais Lab, unha comunidade de innovación centrada nos usuarios, emprazada en Galicia e que ten como obxectivo innovar ao redor das necesidades da muller no medio rural.
A xornada do 4 de xullo comezará amosando aos participantes como financiar proxectos innovadores a través da rede grazas á intervención de Asier Basterretxea, director corporativo da plataforma de financiamento colectivo SociosInversores.es. Esta plataforma constitúe unha Rede Global de unión entre os empresarios que necesitan capital e os inversores que desexen participar en proxectos empresariais e que conta cunha rede de máis de 3.000 inversores nacionais e internacionais activos con presenza en 19 países.
A xornada continuará amosando experiencias prácticas de proxectos TIC que integran a participación cidadá nos ámbitos da Cultura e das cidades como laboratorios de innovación social.
No contexto da eCultura a través da participación cidadá Manuel Gago, reputado xornalista e director de culturagalega.org, amosará Patrimoniogalego.net. unha Wikipedia do noso patrimonio, construída a partir das achegas de todos os cidadáns galegos que queiran participar a través da rede. Neste mesmo contexto, Daniel Cerqueiro, xerente de Abertal Networks presentará Phottic, unha aplicación desenvolvida para xeorreferenciar fotografía antiga sobre Street View de Google e recuperar o patrimonio fotográfico a través da cidadanía.
No ámbito das Smart Cities, David Trillo, director executivo en Avansig, amosará City Juice, unha ferramenta para a xestión e difusión de datos xeográficos que se acaba de presentar na localidade de Ribeira, e que mediante a participación de empresas e cidadanía, avanza no camiño de converter este municipio nunha verdadeira smart city. City Juice, como dixemos os días pasados dende Código Cero, é un entorno dixital onde se conectan persoas e se difunden recursos dunha localidade.
Pechará a xornada César González, CEO de Contact Comunicación e responsábel de desenvolvemento de Orama, unha canle móbil de promoción de actividades socio culturais, deseñado para que calquera poida subir a información desde esta web.

PUBLICIDADE