Volkswagen lanza na Web unha máquina do tempo para albiscar o futuro do automóbil

martes, 5 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Volkswagen viaxa no tempo cara o futuro da man da Internet. A casa xermana vén de tirar partido das novas tecnoloxías para albiscar no mañá do eido automobilístico e de abrir unha xanela en liña para que botemos unha ollada. Deste xeito, a través da páxina web acabada de habilitar pola firma, poderemos facernos preguntas do tipo de: haberá atascos no futuro? ou serán os coches quen de ler o pensamento dos semáforos…?
O motor central desta proposta é a cosmovisión fixada no automóbil logo de 20 anos. Volkswagen emprega para poñernos en escena unha curtametraxe interactiva ambientada no ano 2028 que achega ó espectador unha introdución didáctica. O argumento: un pai cóntalle ó seu fillo como eran os coches vinte anos antes e no entanto, o internauta pode acceder a diversas ligazóns para ver o reverso da moeda, como serán os coches dentro de 20 anos.
Volkswagen Research –equipo de desenvolvemento e deseñadores da proposta- segue de preto ó usuario nesta odisea virtual, servíndose de tres conceptos de vehículos (One, Ego e Room) ilústrasenos o mundo automobilístico do futuro subliñando o lema da casa “Das Auto” (“o coche”) e remarcando un mañá sostible e innovador para os nosos coches.

PUBLICIDADE