Vodafone subministrará servizos de comunicación móbil a Barcelona

martes, 6 de agosto do 2013 Redacción

O Barrio Gótico de Barcelona coa Catedral ao fondo /Imaxe de Conocerbarcelona.com

A operadora Vodafone resultou finalmente elixida para achegar servizos de comunicacións móbiles ao Concello de Barcelona. Segundo informa a compañía, o período da adxudicación abrangue até o ano 2015, prorrogábel dous anos máis, e mobiliza unha contía total de 1.690.000 euros. A resolución do concurso público a favor da dita operadora acubilla a integración dunha ferramenta de comunicacións que permita “integrar todas as liñas dos traballadores do consistorio barcelonés nunha solución móbil de última xeración”. En palabras da propia operadora, o Concello barcelonés elixiuna para a xestión das súas comunicacións de voz e datos móbiles “dado que era a oferta máis competitiva e de maior calidade, que cobre as necesidades de servizo deste organismo”.
A adxudicación das comunicacións de voz e datos móbiles a Vodafone representará, segundo o Concello, un aforro dun 41% sobre os gastos que tiñan co seu provedor actual. Como lembraremos, Barcelona atópase entre as cidades incluídas no despregamento de telefonía de cuarta xeración, 4G, iniciado pola dita operadora, un servizo que achega velocidades de acceso a Internet de até 150 megabites por segundo a través do móbil. De feito, Barcelona ten arestora habilitado o 75% das estacións base que fornecerán 4G, proceso que se agarda que chegue ao 100% no mes de setembro.
Por certo que a devandita adxudicación súmase a de outubro de 2012 cando a Generalitat de Catalunya encomendou Vodafone os servizos de comunicacións móbiles dentro do proceso de licitación dos seus servizos TIC.

PUBLICIDADE