Vodafone simplifica a súa opción prepago

xoves, 10 de abril do 2014 Redacción

Vodafone anunciou recentemente o lanzamento de Vodafone Fácil, proposta para clientes que a compañía etiquetou de “fórmula máis sinxela e económica” para acceder aos servizos prepago de cantas fórmulas existen hoxe en día no mercado estatal. Xa en termos concretos, Vodafone Fácil incorpora unha tarifa que permite chamar as 24 horas a calquera destino fixo ou móbil do ámbito estatal por seis céntimos por minuto, IVE incluído e sen cotas nin recargas obrigatorias. Tamén abrangue unha escolma de teléfonos de voz que se adaptan ás necesidades dos clientes.
Segundo subliñan fontes da compañía, o novo servizo fai honra ao seu nome porque simplifica ao máximo a xestión do prepago. Así, permite realizar accións como consultas de saldo de xeito gratuíto, pedir un anticipo ou recargar en calquera lugar. Por certo que os usuarios que fagan uso de Vodafone Fácil e que ao mesmo tempo queiran navegar, comunicarse por mensaxería instantánea ou compartir fotografías e vídeos co seu móbil, poderán contratar cando o precisen un bono de Internet de 200 Mbps por cinco euros IVE incluído.
Ao abeiro desta novidade, ofrécese unha gama de terminais “pensados principalmente para falar”, sinxelos e adaptados ás necesidades concretas de cada tipo de cliente. Por exemplo o Pack Vodafone Fácil Para Maiores, Alcatel 20.00, que inclúe un teléfono con teclas grandes, pantalla que facilita a visión e un botón de emerxencia na parte posterior. Pola súa banda, o Pack Vodafone Fácil Listo para usar, Samsung E1200, dá acubillo a un teléfono “sinxelo e económico” que vén precargado con saldo para que “os clientes poidan saír da tenda co seu teléfono listo para usar”, informa a operadora. Este pack está dirixido a clientes cunha necesidade puntual.

PUBLICIDADE