Vodafone pon a metade de prezo o V-Home para quen adquira un Samsung S9, un S9+ ou un Note 8

venres, 1 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone comeza este 1 de xuño unha interesante promoción para a súa comunidade de usuarios, sobre todo para aqueles que máis decididos estean a apostar polas posibilidades dos móbiles no emprego doméstico (iso que se vén chamando IoT, ou sexa, Internet of Things). Máis en detalle, do que se trata é de agasallar un desconto do 50% sobre o Safety Starter Kit de V-Home aos primeiros 1.000 clientes de Vodafone España que adquiran un Samsung Galaxy S9, un Samsung Galaxy S9+ ou un Samsung Galaxy Note 8, en calquera das canles de venda da operadora. Deste xeito, o servizo en promoción ficaría en 144 euros sen financiamento (ou ben cero euros de pago inicial e 24 cotas de seis euros ao mes).
Para quen non o saiba, o devandito kit de V-Home achega un sistema de seguimento do fogar, dinámico, adaptábel e doado de configurar e que inclúe servizos para que os usuarios coñezan (dende calquera recanto e en tempo real) o que acontece no seu fogar, recibindo alertas se houbese situacións de risco ou que requiran resposta do usuario.
Sinalar tamén que os servizos V-Home by Vodafone son froito dunha alianza en exclusiva entre Vodafone e Samsung, abríndolle a porta aos clientes á posibilidade real de controlar desde o seus smartphones os dispositivos intelixentes do seu fogar compatíbeis co ecosistema SmartThings de Samsung e V by Vodafone. Entre os recursos acubillados atópase o devandito Safety Starter Kit, o kit principal de V-Home, que inclúe servizos como o V-Home HubSmartThings (un dispositivo compacto semellante a un router que se converte no centro de intelixencia do fogar e que conecta e sincroniza todos os dispositivos smart compatíbeis con V-Home), unha cámara de vídeo que proporciona imaxes de gran calidade e dispón de detección de movemento e infravermellos para iluminar pola noite, un sensor multifunción que pode situarse en portas ou xanelas para emitir unha alerta inmediata se aquelas se abriran ou ficaran mal pechadas, ou unha sirena que pode soar até a 85 decibeis e máis emitir luz.

PUBLICIDADE