Vodafone permite facer chamadas a través dos dispositivos Amazon Echo

mércores, 28 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Vodafone convértese no primeiro operador de telecomunicacións en España en facilitar a posibilidade de realizar chamadas telefónicas directamente a través de dispositivos Amazon Echo grazas ao servizo OneNumber con Alexa, que permite que os usuarios poidan pedir ao asistente de voz de Amazon que chame aos contactos da súa axenda ou descolgar unha chamada entrante só coa voz e co mesmo número de teléfono e tarifa que teña no seu smartphone.
Temos así un sistema para a realización de chamadas telefónicas en mans libres que pode controlarse con ordes como «Alexa, llama a mamá» ou «Alexa, contesta», e poderá activarse directamente a través da aplicación móbil de Alexa, onde poderemos engadir o noso número de Vodafone, podendo converterse nunha opción moi práctica no fogar cando queiramos atender unha chamada e teñamos as mans ocupadas.
O servizo Vodafone OneNumber con Alexa ofrécese de balde até rematar o presente ano, para que os usuarios poidan probalo, pero para o ano que vén custará 1 euro/mes.

Vídeo no que explican como configurar OneNumber con Alexa

PUBLICIDADE