Vodafone ofertará unha tarifa de banda larga móbil para estudantes

mércores, 23 de xuño do 2010 Redacción

Eva Almunia e Francisco Román anunciaron o acordo de colaboración entre Educación e Vodafone para facer posible a tarifa Contigo Deberes

O Ministerio de Educación e Vodafone España subscribiron un acordo de colaboración no marco do programa de innovación educativa Escuela 2.0 que permite ofrecer, en condicións especiais, Internet móbil fóra do horario escolar aos estudantes de Primaria e Secundaria de toda España.
Así, Vodafone España ofrecerá de forma exclusiva aos alumnos dos colexios e institutos de toda España a nova tarifa Contigo Deberes que permite a conexión móbil a Internet de seis da tarde a nove da noite por 9 euros ao mes e que inclúe un filtro para evitar o acceso dos menores a contidos inadecuados.
O Programa Escuela 2.0 que dende setembro de 2009 impulsa o Ministerio de Educación e as Comunidades Autónomas completa deste xeito un dos seus eixes principais: facilitar a conexión a Internet fóra da aula, de maneira que os alumnos poidan continuar traballando en rede e de forma participativa dende os seus fogares.
Vodafone España converterase na primeira operadora en ofrecer unha oferta específica para os escolares e a primeira empresa en solicitar o Selo de Calidade Escola 2.0, creado polo Ministerio de Educación para recoñecer o compromiso dunha empresa ou entidade ou a vinculación dun produto ou servizo co desenvolvemento e mellora da calidade educativa mediante o uso das TIC.
Escuela 2.0 nace co obxectivo de modernizar o proceso de ensino-aprendizaxe e baséase en catro eixes: a de dotación dun ordenador portátil para cada alumno de 5º e 6º de Primaria, a utilización da lousa dixital na aula, a conectividade dentro do centro e o acceso a Internet fóra do horario escolar.
Neste sentido, a Secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional, Eva Almunia, destacou que con este acordo «o programa Escola 2.0, que é xa unha realidade na inmensa maioría dos colexios de toda España, poida continuar no fogar» e «o acordo con Vodafone supón o impulso definitivo a Escola 2.0 e permítenos completar o proxecto».
Francisco Román, presidente conselleiro delegado de Vodafone España, asegurou que dende a súa compañía están «convencidos de que as tecnoloxías da información axudarán a potenciar a aprendizaxe dos alumnos e a súa motivación» e farán extensible as accións previstas no acordo co Ministerio de Educación ás Comunidades Autónomas que se sumen a Escola 2.0 e que desexen subscribir un convenio similar coa compañía.
Para contratar a tarifa Contigo Deberes, os pais e nais deberán acudir a calquera punto de venda da canle de distribución de Vodafone (en establecementos físicos) coa solicitude selada polo colexio no que estudan os seus fillos. Alí entregaranlles un Modem USB coa lenda Escuela 2.0 para navegar por Internet con ata 7,2 Mbps de velocidade de baixada e ata 2 Mbps de suba de datos.

PUBLICIDADE