Vodafone lanza en exclusiva o Samsung Galaxy Note7 en cor prata

xoves, 1 de setembro do 2016 Redacción

Vodafone España anunciou hoxe o lanzamento de Samsung Galaxy Note7, que distribuirá en exclusiva en cor prata para os seus clientes. O dispositivo estará dispoñíbel para usuarios de Vodafone (incluídos os acabados de chegar) a partir do 9 de setembro. Segundo apunta a operadora, o novo aparello (que se pode adquirir tamén en cores azul e negra) é o complemento ideal da avanzada rede de Vodafone, nas súas palabras “a mellor rede 4G e 4G+ do mercado español”.
Nun plano máis concreto, Samsung Galaxy Note 7 é un dispositivo con pantalla de 5,7 polgadas que en palabras de Vodafone, combina as capacidades avanzadas do bolígrafo S Pen (o bolígrafo dixital dos dispositivos Galaxy, que permite escribir, debuxar e manexar os menús da pantalla) “coas últimas innovacións en seguridade para ofrecer máis posibilidades aos usuarios”.
A operadora tamén salienta que o acabado e a feitura do Samsung Galaxy Note7, onde cada detalle “foi refinado para fornecer un agarre máis cómodo, operatividade cunha soa man e durabilidade”. De feito, destaca a compañía, o aparello inclúe a tecnoloxía de protección Corning Gorilla Glass 5, e máis unha gran pantalla con dupla curvatura lateral que contribúe á lixeireza e ao equilibrio do aparello. Ademais, a pantalla incorpora o Panel Edge de accesibilidade cun toque a aplicacións, noticias e funcións.
Samsung Galaxy Note7 está dispoñíbel con portabilidade e compromiso de 18 meses por 33 euros ao mes con Rede L. Esta tarifa inclúe chamadas ilimitadas e 6 GB ao mes para navegar, itinerancia na Unión Europea e Estados Unidos, TDT no móbil, 6 meses de Netflix ou de Spotify Premium e 2 anos dos servizos BackUp+ e SecureNet por 45 euros ao mes (IVE incluído).

A cámara e a memoria

O Samsung Galaxy Note7 está equipado coa cámara que xa foi incluída en Samsung Galaxy S7 e Galaxy S7 Edge. Inclúe a tecnoloxía de sensor Dual Pixel, apertura F1.7 e auto enfoque rápido. No que atinxe á capacidade de acubillo de datos, ademais dos 64 GB de memoria interna, Samsung Galaxy Note7 ofrece memoria ampliábel e acepta cartóns microSD de até 256 GB. Ademais, vén equipado cunha batería de 3500 mAh que se carga moi axiña a través do novo porto USB tipo C. Pódese recargar a batería de Samsung Galaxy Note7 onde estea dispoñíbel a carga sen fíos (compatíbel cos estándares de Wireless Power Consortium (WPC) e Power Matters Alliance (PMA).

PUBLICIDADE