Vodafone inicia a comercialización de enerxía eléctrica

mércores, 28 de setembro do 2022 Marcus Fernández

No mes de xuño demos conta da entrada de Vodafone no mercado eléctrico, e por fin o operador de telecomunicacións comezou a comercializar electricidade a través da súa marca Vodafone Energía cunha tarifa exclusiva para os seus clientes de telecomunicacións que promete enerxía 100% verde, sen permanencia, xestionable a través da aplicación Mi Vodafone e asegurando que supón un aforro medio de até o 10% na factura. Se un cliente desta tarifa abandona os servizos de telecomunicacións de Vodafone pasaría a ter que pagar 4 euros de cota mensual.
Con Vodafone a corrente eléctrica cóbrase en 3 tramos horarios e, aínda que aseguran ter mellores prezos que a competencia, as tarifas actuais non parecen axustarse a tal información, xa que os prezos da enerxía van entre os 0,3021 e os 0,3884 euros/kWh sen impostos, cando as principais comercializadoras eléctricas ofrecen actualmente tarifas co kWh a preto da metade deses prezos (aínda que cómpre matizar que Vodafone ten máis barato o termo de potencia). En calquera caso, os prezos son algo conxuntural, polo que no futuro o operador pode ser bastante máis competitivo, e combinar servizos pode ser unha práctica moi efectiva para a fidelización de clientes.

PUBLICIDADE