Vodafone garante a reparación de teléfonos en 5 días soltos

xoves, 8 de maio do 2014 Marcus Fernández

Para ofrecer un mellor servizo aos seus clientes, Vodafone lanza o servizo Nunca sin mi móvil, compromiso da compañía cos usuarios que adquirisen un terminal a través deles, de xeito que ante unha avaría o tempo de reparación non deberá superar os 5 días soltos (agás en Canarias, Ceuta e Melilla, onde o prazo será de 7 días) e, en caso contrario, Vodafone deberá ofrecer a posibilidade de substituír o terminal en reparación por outro da mesma categoría posto a novo, que entregarase na tenda en 2 días soltos (na península). Amais tamén aseguran que permitirán que os seus clientes poidan gozar de teléfonos de préstamo cada vez maiores (aínda que iso dependerá da dispoñibilidade de terminais na tenda en cada momento).
Este novo servizo é de balde no caso de terminais en garantía, mentres que no caso de que fose preciso aboar algún custo de reparación tal cantidade deberá satisfacerse para poder beneficiarse de Nunca sin mi móvil, como tamén acontece no caso de estar pendente da aceptación dun orzamento de reparación (que deberá aceptarse para poder optar a este servizo). O teléfono que recibirá o usuario será da mesma gama ou superior que o avariado, non sendo posible asegurar marca, modelo, cor ou especificacións técnicas, e a súa garantía será igual á restante do terminal entregado para reparar. Quedaría fóra deste servizo as avarías que fosen consideradas como irreparables.

Esquema co funcionamento da garantía dos teléfonos de Vodafone

PUBLICIDADE