Vodafone ficha Google Home para a súa oferta de fogar dixital

venres, 7 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone vén de anunciar a incorporación de Google Home á súa oferta de fogar conectado. O obxectivo desta ampliación, en palabras da operadora, “é ofrecer unha experiencia dixital máis completa aos seus clientes”. Google Home, que é o asistente de voz e altofalante desenvolvido pola empresa do buscador de Internet, intégrase ademais coa súa experiencia de V-Home para o fogar intelixente.
Coa integración do asistente, os usuarios da operadora poderán facer cousas como organizar o seu quefacer diario (xestión de axenda, tarefas, citas), gozar do seu lecer en casa e controlar os dispositivos intelixentes domésticos con tan só usar a voz.
Ademais, tamén terán marxe para procurar información (sobre o tempo, sobre actualidade, sobre deportes), reproducir música en streaming, ver as súas series favoritas ou controlar a súa casa intelixente dende calquera recanto (a través de V-Home de Vodafone).
Como lembraremos, o servizo V-Home lanzouse o pasado mes de abril para levar aos clientes a un novo estado de cousas en materia de automatización do fogar, aproveitando por unha banda a contorna aberta de Samsung SmartThings (que permite interconectar unha gran variedade de dispositivos) e, pola outra, as posibilidades da rede de Vodafone.
Google Home e Google Home Mini están dispoñíbeis con todos os paquetes de Vodafone One con distintas promocións válidas até o 30 de setembro. Google Home Mini non ten custo con Vodafone One L e está dispoñíbel con financiamento por 1 euros/mes co resto de plans Vodafone One en unidades limitadas.
Así mesmo, Google Home pódese adquirir por 3 euros/mes durante 24 meses con Vodafone One L en unidades limitadas e por 4 euros/mes co resto de plans.

PUBLICIDADE