Vodafone estrea SuperPass como resposta aos «gigas infinitos»

venres, 13 de abril do 2018 Marcus Fernández

Esperábase que o lanzamento da tarifa de Yoigo con «gigas infinitos» tivese consecuencias na competencia, e agora Vodafone está a permitir incorporar ás súas tarifas converxentes os seus distintos Vodafone Pass agrupados nun novo SuperPass, o que supón datos ilimitados no móbil para vídeo, redes sociais, música, mapas e chats, o que case unha tarifa sen límites, xa que os contidos que quedan fóra (principalmente as páxinas web) supoñen un volume de datos moi reducido no consumo móbil medio, e que dificilmente sería posible esgotalo só con navegación web móbil.
Como exemplo desta nova tarifa promocionan que Vodafone One 120 Mb | L con SuperPass e 20 GB adicionais no móbil tería un prezo de 95 euros/mes os 6 primeiros meses (103 euros/mes máis adiante).
Lembremos que Vodafone ten actualmente os Vodafone Pass para redes sociais, mapas e música a 3 euros cada un respectivamente, e o Pass para vídeo a 8 euros/mes, e dado que o Pass de redes sociais xa está incluído en moitas das tarifas, o SuperPass non supón ningún cambio a nivel de prezo, xa que supón o pagamento de 14 euros/mes (equivalente á contratación dos distintos Pass por separado).
Queda agora por ver se o resto de grandes operadores moverán ficha para ofrecer cadansúa tarifa con datos móbiles ilimitados ou algo semellante.

PUBLICIDADE