Vodafone e unha ducia de grandes empresas amosarán en Vigo as claves do seu éxito
martes, 3 de outubro do 2017
Vigo
vai acoller o vindeiro 11 de outubro unha macrosesión de
presentación de casos de éxito empresarial. E dicirmos o de
“macro” non tanto pola cantidade de compañías que participan,
mostrando os seus achados e os froitos recollidos ao longo das súas
traxectorias no mercado, senón máis ben polo seu tamaño.
Concorren, entre outras empresas de envergadura, a operadora de
telecomunicacións Vodafone, UniversalPay (servizos de pago dixital e
con cartón), JCDecaux (publicidade exterior), Mercedes-Benz, Banco
Santander ou American Express. Todas elas debullarán as claves do
seu éxito perante as PEME locais.
A
cita será inaugurada ao fío das 9.00 horas polo alcalde de Vigo,
Abel Caballero, e polo presidente da CEP, Jorge Cebreiros.
Celebrarase no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Está prevista a
asistencia de preto de 200 empresas galegas.
A
sesión insírese no movemento Impulsando
PEME, promovido por 13 compañías referenciais nos seus sectores
e que conta coa colaboración de CEPYME. O seu obxectivo é o
desenvolvemento e modernización das pequenas e medianas empresas do
ámbito estatal, a partir das mellores ideas e innovacións de, en
palabras dos impulsores do movemento, “grandes compañías que
tamén foron PEME e que hoxe son líderes nos seus respectivos
mercados”.
A
xornada, ao longo de dúas horas, achegará aos presentes a cuestións
como a dixitalización nas empresas, o aforro e a xestión eficiente
da enerxía, a apertura de mercados internacionais, a prevención de
“ciber-riscos”, a xestión intelixente de frotas, a
sustentabilidade e xestión de residuos ou as oportunidades que
ofrece o uso avanzado dos novos medios de pago.
Asemade,
no transcurso do evento, farase entrega a dúas empresas galegas do
Premio Vodafone á Transformación e do Premio Endesa á Eficiencia
Enerxética.