Vodafone e Huawei converten en realidade as chamadas 5G co novo estándar NSA
martes, 20 de febreiro do 2018
Vodafone
vén de dar un relevante chimpo en materia de comunicacións
avanzadas, as que se dirixen a converter a tecnoloxía 5G (tecnoloxía
chamada a achegar velocidades de descarga mínimas de 20 Gbps) en
algo cotián e cen por cen integrado nos nosos hábitos cotiáns.
Para reforzar este chouto ao futuro e darlle carta de viabilidade,
Vodafone
e Huawei completaron de maneira conxunta a primeira chamada 5G no
mundo, realizada desde Castelldefels (Barcelona) a Madrid.
E
fixérono botando man das especificacións do novo estándar
comercial NSA (polas súas siglas en inglés Non Stand Alone)
aprobado por 3GPP o pasado mes de decembro e a banda de espectro de
3,7 Ghz. Segundo explica a operadora Vodafone, estas especificacións
incorporaranse ao futuro despregue comercial da nova tecnoloxía 5G.
Son, polo tanto, o seu código regulamentario.
Vodafone
tamén explicou que este novo estándar complementa o emprego, nunha
primeira fase, da infraestrutura da rede 4G para o control e xestión
do tráfico, “polo que será necesario que tanto os terminais como
as estacións base poidan establecer unha conectividade dual ás
redes 4G e 5G ao mesmo tempo”. Na demostración levada a cabo con
Huawei completouse unha conexión dual de 4G a 5G nunha contorna de
proba real, acadándose velocidades de descarga que multiplican por 8
as velocidades estándar de 4G. Nunha segunda proba, realizouse unha
videochamada utilizando unha conexión de datos 5G.
Ademais,
con vistas a facer realidade unha conexión de principio a fin
empregouse espectro na frecuencia de 3,7 Ghz e despregouse unha rede
de proba completa, incluíndo equipos de Huawei de Radio Access
Network (RAN) así como o core da rede.
António
Coimbra, director executivo de Vodafone España, explicou que “a
consecución desta primeira conexión de 5G en España reflicte o
liderado de Vodafone e de España en tecnoloxías móbiles”. E
engadiu: “O despregue de redes móbiles é un factor de gran
relevancia para a competitividade e a transformación dixital do
país”.
Pola
súa banda, Yang Chaobin, presidente da liña de produtos 5G de
Huawei declarou que “Huawei está absolutamente comprometida co
desenvolvemento completo da tecnoloxía de rede 5G. O test realizado
hoxe mostra a madurez do desenvolvemento de 5G sobre o estándar
aprobado por 3GPP”.
Ademais,
Santiago Tenorio, director de Arquitectura e Estratexia de Rede do
Grupo Vodafone, salientou o alcance e o especial significado das
probas realizadas: “Este é un fito de gran relevancia no camiño
cara a 5G, que hai que agradecer aos enxeñeiros de Huawei e Vodafone
que traballaron sen descanso para implementar as novas
especificacións nun tempo récord. O éxito da proba realizada hoxe
permitiranos avanzar con novas probas en toda Europa ao longo de
2018”.