Vodafone denuncia as promocións de Movistar que inclúen fútbol televisado

xoves, 16 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Coa chegada do novo curso os operadores de telecomunicacións están a lanzar novas promocións para a captación de clientes, pero semella que nalgún caso estas ofertas poderían atentar á competencia, ou así o cre Vodafone, compañía que vén de denunciar a Movistar ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) polas ofertas que inclúen fútbol a vindeira tempada, das que esixe a súa retirada.
Concretamente Vodafone denuncia que Movistar Fusión está a incluír a programación de fútbol de balde até 2019, o que considera que poden facer aproveitando o seu dominio no mercado audiovisual para competir nun mercado distinto (a fibra) no que tamén teñen posición de dominio, o que impide que Vodafone poida competir; pero o operador británico tamén denuncia que de xeito privado Movistar está a realizar ofertas a clientes de Vodafone ofrecéndolle non só fútbol, senón tamén descontos do 50% do prezo completo durante un período de 12 meses. Ao parecer estas últimas ofertas realizaríanse para clientes de Vodafone e do grupo Euskaltel (que inclúe a R), que son os que non gozan de toda a oferta futbolística para a vindeira tempada.
Vodafone considera que as ofertas de Movistar son unha represalia contra os operadores que esta tempada non mercaron as canles maioristas de fútbol de Telefónica, e considera que as promocións deben paralizarse xa que terían un impacto irreversible no sector das telecomunicacións.

PUBLICIDADE