Vodafone confirma cun novo informe que segue pola senda do medre

xoves, 4 de febreiro do 2016 Redacción

Fiel ao seu programa de presentacións anuais, Vodafone vén de amosar as súas contas relativas ao terceiro trimestre do ano fiscal, ou sexa as relativas ao período comprendido entre o 1 de outubro ao 31 de decembro de 2015. Como datos salientábeis, sinalar que a operadora foi quen de facturar neste treito de tempo un total de 1.256 millóns de euros, ou sexa un 1,3% menos que no mesmo trimestre do ano anterior. Polo que atinxe a ingresos por servizo, estes situáronse en 1.116 millóns de euros, un 3,1 menos ca no mesmo período de 2014. Segundo puidemos saber, esta última cifra, sendo negativa, non o é tanto. De feito, se se desbotan dela as consecuencias do cambio do modelo de financiamento de móbiles, o medre dos ingresos por servizo situaríase nun 0,7%.
Esta taxa positiva, que achegaría para Vodafone o “privilexio” de encanar o seu segundo trimestre consecutivo de medre, confirmaría o que xa se supuña: que Vodafone One vai polo bo camiño. De feito, no último trimestre o número de clientes subscritos á oferta de servizos converxentes de Vodafone creceu en 360.000 e xa supera os 1,14 millóns. No informe da operadora tamén se destaca o recoñecemento recibido en decembro de mans da consultora P3, unha distinción que a situaba como a mellor de España en materia de voz e datos, tal e como sinalamos dende Código Cero. No informe de P3, no que tamén colaborou Connect, sinalábase que a rede de Vodafone foi quen de acadar os tempos de establecemento de chamada máis curtos e a mellor calidade de voz comparada coas redes dos seus competidores. Este recoñecemento, informa agora a operadora, “reflicte o esforzo investidor realizado nos últimos exercicios que se está completando co despregamento progresivo da banda de 800 Mhz para mellorar a calidade dos servizos 4G”.
O parte informativo da compañía tamén lembra que nos últimos tres meses a carteira de clientes de telefonía móbil de Vodafone España aumentou en 69.000 até os 14.255.000, “impulsada pola base de usuarios de contrato, que engadiu 83.000 novas altas netas no período”. Pola súa banda, o número de clientes de 4G de Vodafone, con tarifa e terminal, elevouse en 460.000 até acadar os 4,8 millóns. Ademais, durante o trimestre mantívose “o forte ritmo de adopción dos servizos de fibra”, con 89.000 novos clientes para superar os 1.900.000. “Este incremento”, explica a compañía, “contribuíu a elevar a base de usuarios de banda larga fixa até os 2.960.000”.
Polo que atinxe a Vodafone TV, o pasado 31 de decembro de 2015 a carteira superou o millón de espectadores, “un fito logrado tras medrar no últimos tres meses en case 100.000 subscritores”, explícase no informe, engadíndose que “esta tendencia positiva viuse reforzada pola aposta por ofrecer sempre os mellores contidos, por exemplo o catálogo de Netflix a través do servizo de videoclub, proposta que se completa co mellor fútbol nacional e internacional”.
Polo que respecta á banda larga ultrarrápida, Vodafone salienta o papel xogado polo programa Spring, grazas ao cal a empresa de telecomunicacións foi quen de acelerar o despregamento de redes de nova xeración durante os exercicios 14/15 e 15/16 (a orixe do recoñecemento outorgado pola devandita consulta P3).
No informe tamén se recorda que a cobertura 4G de Vodafone España supera a día de hoxe o 89,7% da poboación, 5,7 puntos porcentuais máis que ao peche de setembro. Na actualidade, a rede 4G de Vodafone esténdese a máis de 2.176 concellos españois, 360 máis que a finais do trimestre anterior.
Lembrar que a operadora ofrece a maiores servizos 4G+ (LTE-A) que duplican a velocidade de descarga de datos en 280 concellos, 98 máis que a fin de setembro. “Esta tecnoloxía”, explica a operadora, “fornece velocidades de até 260 Mbps, mediante a agregación das bandas de 1800 e 2600 MHz”. Así, o despregamento da banda de 800 Mhz xa está dispoñíbel en 1.827 municipios.

PUBLICIDADE