Vodafone comercializará en Europa o Nexus One

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Pese a que nesta semana celébrase o CES en Las Vegas, os ollos estiveron máis atentos ao anuncio do Nexus One, o primeiro móbil con Android que Google venderá directamente, e do que imos coñecendo máis detalles, coma o feito de que ao contar con pantalla capacitiva, podería gozar de capacidade multi-táctil no futuro e, de feito, dende Google están considerando tal posibilidade.
Pero dende España hai unha información que interesa máis que as características técnicas do móbil, e sería cómo vai venderse dentro das nosas fronteiras e, segundo parece, Vodafone vai ser a primeira operadora en vender o Nexus One en Europa, anunciando oficialmente que vai achegalo a Reino Unido nas vindeiras semanas, para saltar logo a outros mercados chave, polo que agárdase que chegue a España durante a primavera.
Dende Google estiman que durante 2010 poderían vender entre 5 e 6 millóns de unidades do Nexus One, cantidade considerable se temos en conta que compite, non co iPhone, senón con todo un inmenso catálogo de terminais baseados en Android, con irmáns con prestacións moi semellantes, pero tamén hai que recoñecer que o custo de propiedade do móbil durante un par de anos é bastante axustado, resultando considerablemente máis barato que un iPhone.

O Nexus One permite a reprodución de Flash en páxinas web

Os programadores de Adobe tamén pensaron neste terminal, e fixeron unha demostración do funcionamento do Flash 10.1 beta no mesmo, polo que cada vez queda máis claro que o Flash no móbil é unha realidade, e grazas á potencia do Nexus One, incluso poden verse os vídeos incrustados en páxinas web, algo que o iPhone estaría moi lonxe de conseguir (pois Apple pon moitas limitacións a tecnoloxías coma o Flash). Durante o primeiro trimestre do ano agárdase que saia a versión definitiva do engadido de Flash, de xeito que en poucos meses serán moitos os terminais que fagan uso desta tecnoloxía.
E para rematar, podemos comentar que a polémica sobre o nome do novo móbil de Google continúa sen resolverse, e os avogados da filla de Philip K. Dick consideran que o Nexus One está a violar os dereitos de propiedade intelectual do autor de ciencia ficción, xa que a idea estaría tomada da obra ¿Soñan os androides con ovellas eléctricas? que deu lugar á película Blade Runner, na que aparecían unha xeración de androides chamada Nexus-6.
De todos os xeitos, parece que as protestas non terían moita base legal, posto que os personaxes aparecidos en libros non acadan automaticamente a súa protección coma marca segundo distintos expertos, e sería bastante complicado reclamar como marca unha palabra coma nexus. De feito, lembran que a operadora Verizon chegou a un acordo con George Lucas para poder comercializar o Motorola Droid, posto que os droids si estaban rexistrados coma marcas (lembremos que os personaxes R2-D2 e C3PO tiveron a súa propia serie de animación con tal título), pero o caso de nexus é moi distintos, posto que non hai ningún rexistro de marcas que protexa a denominación dos androides de Blade Runner.


Presentación do Flash 10.1 beta para Nexus One


O coste total de propiedade do Nexus One durante 2 anos é bastante axustado

PUBLICIDADE