Vodafone chegou á cifra de 3,3 millóns de usuarios de móbil 4G

venres, 24 de xullo do 2015 Redacción

Vodafone amosou esta semana os resultados trimestrais, un informe no que salienta unha facturación de 1.235 millóns de euros, o que significa unha caída do 0,8% cen relación ao ano anterior. Esta baixada, malia todo, non veu acompañada dun proceso semellante no número de usuarios dos servizos da operadora, máis ben o contrario. Segundo fai saber a compañía, tanto a oferta converxente de Vodafone One (Fibra Ono, 4G e TV) como a Fibra Ono incrementaron de xeito considerábel a súa cifra de clientes. Outro dato salientábel é que a a compañía acadou os 3,3 millóns de usuarios de móbil 4G.
Os resultados financeiros corresponden ao trimestre fiscal entre o 1 de abril até o 30 de xuño deste ano, ou sexa que reflicten a actividade xerada por Vodafone One e máis pola nova división Fibra Ono (resultado da compra de Ono por parte de Vodafone). Ao longo do período avaliado, os ingresos por servizo chegaron aos 1.113 millóns de euros, o que supuxo unha caída do 5,5% con respecto ao período anterior.
En materia de tecnoloxía 4G, Vodafone sumou 435.000 novos clientes ao longo dos tres meses analizados e superou, finalmente, os 3,3 millóns. A data de 30 de xuño, a operadora aglutinaba 14,1 millóns de clientes de telefonía móbil. En banda larga fixa a cifra de usuarios é de 2.851.000, dos que 1.768.000 xa teñen a Fibra Ono. O paquete converxente One xa conta con 290.000 abonados.

PUBLICIDADE