Vodafone aplica o xogo de pasar á bóla ao eido dos móbiles e con fins solidarios

xoves, 6 de marzo do 2014 Redacción

A operadora Vodafone segue adiante coas súas liñas estratéxicas presentes: por unha banda investir na mellora dos seus servizos e na incorporación doutros novos (a chegada masiva do seu 4G ás principais cidades é un exemplo disto) e pola outra botar unha man en materia de inclusión tecnolóxica e responsabilidade social. Nesta última liña é onde se insire a iniciativa Pasa a Bóla, posta en marcha pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Fundación Atresmedia (Antena 3). Trátase dunha actividade solidaria para apoiar o Plan de Axuda Escolar de Cruz Vermella. Este apoio materialízase cada vez que un usuario descargue a aplicación do mesmo nome e participe con ela.
Lembrar que o dito plan da ONG internacional diríxese “a apoiar á nenez máis desfavorecida no seu desenvolvemento, acompañado a nenas e nenos na realización das súas tarefas escolares, motivando o estudo e garantindo unha merenda saudábel”, informa Vodafone. A aplicación Pasa a Bóla, que é de balde, pódese descargar por calquera usuario de telefonía (sexa cliente da operadora devandita ou non) para as plataformas Android e iOS. Trátase dun xogo, engade Vodafone, que consiste en ir pasando a bóla de xeito aleatorio dun smartphone a outro entre todos os usuarios que se descargaron a aplicación. A Fundación Vodafone España doará a Cruz Vermella 0,5 euros en nome de cada usuario por cada descarga e entre 2 e 4 euros segundo a rapidez coa que os usuarios pasen a bóla coa aplicación. Cada persoa que reciba a bóla terá 2 minutos para pasala e se non o fai nese tempo aquela pasase de maneira automática a outro usuario. Canto máis de contado se pase, máis diñeiro doará a Fundación Vodafone no nome do usuario.

PUBLICIDADE