Vodafone achega un sistema para que os electrodomésticos informen dos seus fallos

martes, 29 de setembro do 2020 S. P.

A operadora Vodafone informou do desenvolvemento dunha tecnoloxía intelixente que facilita a comunicación entre os fabricantes de electrodomésticos e os consumidores, por exemplo permitindo aos primeiros advertir aos segundos sobre produtos defectuosos ou potencialmente perigosos, que, grazas a este sistema poderán ser apagados de xeito remoto e logo retirados. A tecnoloxía foi concibida polo equipo de I+D de Vodafone. O prototipo terá utilidade con todo tipo de aparellos de uso cotián. Xorde directamente do interese da operadora de impulsar o ámbito da Internet das Cousas e os electrodomésticos intelixentes.
“Con este sistema”, explican fontes da operadora, “os consumidores terán a tranquilidade de poder controlar os seus dispositivos de forma remota e serán notificados cando, por exemplo, deixen a porta do conxelador aberta”. A tecnoloxía tira proveito dun módulo de dispositivo electrónico en miniatura, con tamaño similar ao dun cartón SIM, que se incorpora ao aparello electrónico en cuestión e vincúlase á rede de Vodafone. Isto permite que o fabricante notifique aos consumidores sobre un posíbel problema co seu dispositivo e, se é necesario, sexa quen de apagalo mediante o uso da rede de Vodafone, “o que reduce o risco de danos ao dispositivo, ao consumidor ou ao fogar”.
Amais, en situacións que non supoñen ningún risco, as empresas poden enviar unha mensaxe a través do sistema Vodafone a un LED no produto para notificar aos consumidores sobre a retirada do seu aparello.

PUBLICIDADE