Vodafone Connecting for Good Galicia abre a súa primeira convocatoria

luns, 5 de setembro do 2016 Redacción

A Fundación Vodafone España abre a primeira convocatoria de Connecting for Good Galicia, o programa impulsado en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da AMTEGA e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital, que presentouse en socidade no mes de xullo.
A finalidade de Connecting for Good Galicia é apoiar a emprendedores e/ou PEME de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social, en concreto, aqueles que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara os colectivos de persoas con discapacidade e de persoas maiores. O obxectivo do programa é conseguir que estas iniciativas empresariais se convertan en negocios reais e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito.
Nesta convocatoria seleccionaranse até un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, a Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Os proxectos incorporados ao Programa beneficiaranse de sesións de formación e mentoring e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través dun traballo personalizado e dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación. Todas as iniciativas disporán dun espazo de traballo na sede de Vodafone Connecting for Good, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para facilitar a coordinación e xestión das propostas.

A convocatoria

O prazo para a presentación de proxectos comeza hoxe, 5 de setembro, e finalizará o 30 deste mes. O fallo do xurado notificarase antes do 7 de novembro. A fase de formación dos proxectos seleccionados terá unha duración de seis meses, desde o 14 de novembro 2016 ata o 14 de maio 2017.
Poderán solicitar a súa participación no programa Vodafone Connecting for Good Galicia todas aquelas empresas e emprendedores maiores de 18 anos que, desde Galicia, conten cun modelo de negocio innovador/novo e claras vantaxes competitivas para un produto e/ou servizo que resolva algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, e valorarase especialmente o enfoque inclusivo á hora de ter en conta a persoas con discapacidade e persoas maiores.
Para a valoración dos proxectos, deberase completar o formulario dispoñible en liña. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases. Nunha primeira fase valoraranse todas as solicitudes en base á documentación achegada, nunha segunda fase os proxectos que sexan seleccionados terán que presentar documentación adicional, e nunha terceira fase convocaranse entrevistas persoais aos solicitantes que superasen as dúas primeiras fases, co fin de coñecer todos os detalles do seu proxecto.

PUBLICIDADE