Vitae recunca en setembro co seu curso de xestión de proxectos áxiles con Scrum
mércores, 12 de xullo do 2017
Vitae Consultores
prosegue á volta do verán coa súa completa oferta formativa acerca
de tecnoloxías para (precisamente) profesionais das tecnoloxías.
Nesta liña e na de fornecelos de recursos para anticiparse ás
necesidades de clientes e usuarios, insírese a 19 edición do seu
Curso
Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e
Lean Software (formato PDF). Trátase dun obradoiro de 20 horas
que se dirixe a dotar aos participantes cos coñecementos e
ferramentas precisas para implementar os ditos modelos de traballo e
poder, desta maneira, adaptarse ás necesidades dos proxectos que
teñan en curso e máis dos seus clientes. O curso levarase a cabo os
días 22, 23, 29 e 30 de setembro na Coruña, novamente no Hotel
Attica 21.
Segundo Vitae, a raizame
desta actividade formativa está na devandita necesidade de
actualizarnos. Máis en concreto, de actualizar os nosos recursos
para afinar puntería en atender e cumprir os requirimentos de quen
solicite os nosos servizos TIC. Así nolo resume Vitae: “Tendo en
conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de
adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as
demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en
proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía,
engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización
de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto
de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará
durante o proxecto.
Nun plano máis detallado
acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as
devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes
con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando
unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os
coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección
segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de
impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira
superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e
responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software
na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de
Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha
ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do
asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia
Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco,
Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).