Vitae prepara un seminario para obtermos a certificación de expertos en DISC

martes, 30 de maio do 2017 Redacción

A consultora galega Vitae continúa adiante co seu labor de formar a profesionais do sector TI “noutras disciplinas máis aló da tecnolóxica”. Desta volta, Vitae imparte na Coruña un seminario para introducirnos no emprego profesional das avaliacións DISC e así, en palabras da academia tecnolóxica, “sabermos tirar proveito do sistema máis efectivo para comunicar, ensinar, liderar ou motivar”. Segundo explica Vitae, a metodoloxía DISC é un sistema de recursos moi acaído para o desenvolvemento e a valoración do talento humano da nosa empresa e, en última instancia, para levar a bo porto todo tipo de proxectos e operacións.
A metodoloxía estuda catro factores de comportamento: como respondermos a desafíos e retos, como interrrelacionar cos demais e influír neles, como responder aos cambios e ao ritmo da contorna e como respondermos ás regras e procedementos.
A respecto de todo o devandito, Vitae explica que os estilos de comportamento que nos ensina o sistema DISC non son positivos ou negativos: “Temos certo nivel de cada un dos estilos na nosa personalidade, é cuestión de coñecernos e saber cal predomina máis no noso comportamento”. A metodoloxía DISC tamén nos ensina como ter a máxima información útil sobre este eido e como sacarlle proveito.
No curso de Vitae inclúese a opción de certificación experto e analista conductual en DISC polo organismo oficial internacional INTERDISC, que é unha organización sen arela de lucro que vela pola axeitada aplicación da metodoloxía a nivel mundial.
Vitae engade que esta actividade de formación está recomendada para todas aquelas persoas que desexan mellorar as súas habilidades en selección, avaliación, liderado e comunicación, amais de aplicar unha ferramenta efectiva de diagnóstico para profesionais de recursos humanos, adestradores, psicólogos, profesores, formadores, consultores ou comerciais, entre outros moitos perfís.
Máis actividades
Ademais do devandito, neste segundo trimestre do 2017, Vitae prepara en Vigo unha nova edición do Curso de Angular e do Curso de Dirección e Xestión de Proxectos TI con SCRUM. Na Coruña, a consultora TIC afondará na cuestión das Intelixencias Múltiples e a súa Aplicación na Empresa, ademais, de impartir a sétima edición do Curso de Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseada en Neurociencia.
Vitae continúa coa súa misión de “mellorar na formación e capacitación dos profesionais e empresas do sector TI”.

PUBLICIDADE