Vitae ponnos en forma este outono para a máis óptima xestión de proxectos TIC

martes, 25 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Con frecuencia analistas e emprendedores pregúntanse quen sobrevivirán, de aquí a dez anos, neste mercado en proceso de transformación. Moitas son as respostas pero dende logo hai unha cousa na que coinciden: sobrevivirán as empresas que se dixitalicen aposten por métodos eficaces de traballo. E cando entendemos por dixitalizar e facer máis eficaz unha empresa non nos referimos a procesos estáticos, senón metodolóxicas dinámicas, participativas e sociais. Remataron os tempos de crear un servizo e agardar a que veñan os usuarios. Vitae lémbranolo na nova edición do seu Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software.
Asemade lémbranos a importancia de saírmos ás redes coma se fosen un territorio por explorar, un mapa de oportunidades, co engadido extra de que as oportunidades tamén as traballamos nós. Podémolo facer simplemente cos nosos recursos propios? A resposta é si, pero podemos atopar axuda de primeira orde en ferramentas como as devanditas: Scrum, Scrumban e Lean Software.
Axudarnos a coller as rendas das mesmas é o gran obxectivo dunha das actividades formativas de Vitae Consultores que ten deixado máis pegadas entre as nosas empresas e profesionais. Falamos do Curso sobre Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software, que chega á súa 23 edición preparando aos nosos profesionais coma se foran exploradoras/es sen posibilidade de perda. O obxectivo é facilitar que os esforzos non sexan máis grandes do debido e do recomendábel, que atopen as mellores rutas posíbeis, que optimicen o rendemento e que se fagan co equipo máis axeitado.
A actividade formativa celébrase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro. Trátase dunha actividade formativa de 20 horas dirixida a familiarizar aos nosos profesionais para aplicar os devanditos modelos de traballos áxiles (Scrum, Scrumban e Lean), uns modelos que poñen en xogo elementos extra de eficacia, rendibilidade e sintonía cos clientes (axudando aos primeiros a anticiparse ás demandas dos segundos mesmo antes de que sexan achegadas).
Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está igualmente nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
O encargado de impartir estes contidos será Juan de Oliveira, licenciado en Socioloxía e mestrado en Administración de Empresas, a día de hoxe coordinador dos equipos de soporte técnico nunha empresa referencial galega. Na súa bagaxe ten máis de 7 anos de experiencia como responsábel da área de soporte en empresas de desenvolvemento de software, e é un experto en xestión, análise e optimización de servizos e proxectos tecnolóxicos. Traballou con Inditex, BT, Adif, Tecnocom, ABANCA, Repsol, Gas Natural, BBVA, Bank of Cyprus, Phillip Morris, LG, Iberdrola, Carrefour ou Grupo PRISA.

PUBLICIDADE