Vitae móstranos como facer aplicacións limpas nun novo curso sobre Clean Code

mércores, 25 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

Amais das materias primas, a formación e o talento natural que todas e todos levamos dentro, hai un ingrediente fundamental para garantir que os nosos proxectos cheguen ao mellor porto: o ingrediente da claridade e a sinxeleza. Isto que se pode aplicar a calquera iniciativa de certa complexidade que abordemos en todo tipo de circunstancias, é perfectamente aplicábel ao ámbito dos proxectos empresariais tecnolóxicos. Canto menos ambigüidades e dúbidas se inclúan na folla de ruta, mellor. Implicarnos nesta aposta pola clarificación é un dos grandes obxectivos do Curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas que organiza Vitae Consultores e que chega á súa undécima edición.
En palabras da consultora, nada do que desenvolvamos en materia informática chegará realmente a ser de utilidade (no máis amplo senso da palabra) se non é sinxelo e está clarificado. Amais, non poderá ser mellorado por outros nin evolucionar no tempo.
O novo curso celébrase na Aula Virtual de Vitae os días 14, 15, 16, e 17 de decembro.
A orixe desta contribución formativa de Vitae está nunha necesidade concreta por parte das empresas e profesionais: a demanda de técnicas áxiles e eficaces de desenvolvemento, recursos que axuden a escribir programas para seren comprendidos, facer simple o complexo.
En termos xerais, serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, Abanca, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE