Vitae móstranos como afrontar o estrés profesional con metodoloxías innovadoras

mércores, 25 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Hai metodoloxías de traballo que non só axudan a que sexamos máis rendíbeis, senón que tamén afectan (directa e positivamente) á nosa estima persoal, á nosa felicidade e á nosa capacidade para mellorar a contorna que nos rodea (empresarial e persoal). Vitae, a consultora tecnolóxica galega, basea boa parte da súa actividade formativa no devandito concepto, neste beneficio mutuo das dúas esferas nas que se moven os profesionais. Por exemplo o Curso Afrontando o Estrés e Amplificando a Motivación na Empresa. Achegas dende a Teoría do Marco Relacional e a Teoría da Aceptación e Compromiso.
A cita formativa, que contará coa presenza da doutora Carmen Luciano, experta de renome internacional en psicoloxía moderna, desenvolverase o 18 de outubro na Coruña e incluirá oito horas de actividade.
O curso, en palabras de Vitae, estará adicado a “afrontar dous problemas frecuentes no ámbito laboral e empresarial: o estrés derivado do traballo e a motivación como factores que repercuten especialmente na vertente profesional das e dos traballadores e nas diferentes facetas que integran a súa identidade persoal”.
Na actividade profesional que prepara a consultora para o día 18, fornecerase aos asistentes dunha serie de habilidades para abordar os problemas que conducen a sentir ansiedade, estrés laboral e desmotivación, poñendo o foco no centro do contexto laboral e empresarial. “A condición humana nútrese da linguaxe e móstranos os seus múltiples beneficios de supervivencia e de maneira inevitábel tamén nos mostra o seu lado escuro”, lembra Vitae, engadindo que o curso abrolla directamente das investigacións científicas realizadas nas últimas décadas, que “abriron un espectacular horizonte de enriquecemento para múltiples eidos aplicados, dende a vertente máis clínica, a Teoría da Aceptación e o Compromiso, a outros ámbitos nos que a conduta humana convértese no medio ou no foco esencial. Por exemplo nos ámbitos laboral e empresarial, o educativo, o da saúde, etcétera.
O curso está dirixido a calquera profesional que desexe mellorar a súa calidade de vida, tanto no ámbito persoal como laboral. Celebrarase na Coruña, no Hotel Attica 21, o 18 de outubro, en horario de 9.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.00 horas.
A persoa encargada de impartir os contidos será Carmen Luciano, referente internacional na investigación, no desenvolvemento e no espallamento da psicoloxía contextual (terapias contextuais e o seu tronco básico, a análise funcional e a Teoría do Marco Relacional). Iniciou o seu traballo e docencia académica en 1979 na Universidade de Granada. Dende 1995 é catedrática de Psicoloxía na Universidade de Almería. Doutorouse en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid en 1983. Foi investigadora na Boston University e no Cambridge Center for Behavioaral Studies (Cambridge, EE UU), onde o seu traballo foi seguido de preto por B. F. Skinner. Dende aquela, o seu traballo supuxo un vieiro de colaboración con investigadores en diferentes países, sendo parte do desenvolvemento da análise funcional e da teoría relacional da linguaxe.

PUBLICIDADE