Vitae lanza un programa formativo para capacitar tecnoloxicamente aos nosos profesionais non TI

martes, 21 de setembro do 2021 S. P.

Vitae Consultores vén de elaborar, co reinicio do actividade formativa neste mes de setembro, unha ambiciosa iniciativa de formación para contribuír a implantar, a nivel profesional e empresarial, novos e innovadores xeitos de traballar, xestionar recursos, comunicar, colaborar e desenvolver. Trátase do seu Programa de Transformación Dixital, que xorde directamente “dende a vertente máis humana da tecnoloxía” e que está cen por cen ao servizo das e dos profesionais que non pertencen á área TI (Tecnoloxías da Información).
O programa da consultora galega ten a súa orixe nunha realidade constatada: a escaseza actual de traballadoras e traballadores neste ámbito laboral das Tecnoloxías da Información, ao que se suma “a ineficacia dalgunhas solucións para paliar esta escaseza”.
En concreto, este Programa de Transformación Dixital consiste en formar e capacitar a profesionais non TI en tecnoloxías e funcións TI que sexan imprescindíbeis para os postos que desempeñan. “Non se trata de converter a profesionais non TI en profesionais TI, pois ese é un camiño que xa demostrou ser ineficaz, senón en capacitalos cos coñecementos tanto tecnolóxicos como de xestión necesarios na evolución tecnolóxica das empresas e mellorar a coordinación coas áreas e profesionais TI das mesmas”, explican dende Vitae.
Estas tecnoloxías e funcións TI da maioría dos postos de traballo, engade a consultora, “resultan hoxe necesarios para calquera profesional das novas ferramentas e, tamén, doutros ámbitos de actividade, “pois a dixitalización xa non se pode obviar nin atrasar por ningunha empresa”.
Este programa componse de cursos independentes, tanto en modalidade en aberto como en formato In Company, onde Vitae especificará as actividades formativas do programa coa etiqueta Transformación Dixital, polo cal distinguirase que estará orientado tanto a profesionais non TI como TI.

PUBLICIDADE