Vitae introdúcenos cun novo curso virtual nos segredos e posibilidades do Machine Learning

mércores, 11 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

Entre as tecnoloxías que máis expanden a súas ramificacións a día de hoxe, propoñéndose como un gran recurso de utilidade para aumentar competitividade, rendibilidade, eficiencia e capacidade de xestión e análise, atópase a tecnoloxía chamada Machine Learning, unha disciplina científica do ámbito da Intelixencia Artificial que crea sistemas que aprenden automaticamente: algoritmos que revisan datos e son quen de predicir comportamentos futuros. Mostrar a ampla marxe de posibilidades que ofrece o ML no noso día a día empresarial é un dos grandes obxectivos do curso Desenvolvemento de Solucións con Machine Learning, que organiza a consultora Vitae os días vindeiros.
A sexta edición desta actividade formativa incluirá 10 horas de adestramento a desenvolver en formato online, a través da aula virtual de Vitae. Celebrarase os días 9, 11, 16 e 18 de decembro.
Como dixemos, o Machine Learning é o ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio. Ademais, alén do seu papel científico, ten moitas potencialidades para os sectores da banca, da medicina, do motor, das vendas ou das telecomunicacións, entre outros moitos.
Segundo explican dende Vitae, a finalidade deste curso é introducir ao alumnado no mundo do ML para que saiba diferenciar que problemas de negocio son susceptíbeis de seren resoltos mediante algoritmos de aprendizaxe máquina, e como asociar cada tipo de problema co algoritmo axeitado, e, tamén, como preparar os datos para obter os mellores resultados deses algoritmos. “Todo isto dende un punto de vista práctico, sinxelo e botando man de exemplos reais”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE