Vitae dispara o noso talento cunha manchea de cursos de capacitación TIC
xoves, 8 de novembro do 2018
No
panorama galego e estatal de formación tecnolóxica para
profesionais TIC, sen dúbida a
consultora galega Vitae ten un papel máis que destacado. Por
que? Pois por moitos motivos, comezando pola calidade dos obradoiros
e pasando pola atención prestada ás novas tendencias de
metodoloxías de traballo e, sobre todo, a aquelas que máis poden
servir de utilidade aos nosos profesionais.
A
fin de contas, quen mellor que profesionais da innovación para coñecer
as necesidades doutros profesionais? Para botar un pouco máis de luz
sobre o cometido e a actividade de Vitae, falamos con Doris Verdes,
responsábel de Back Office
de Vitae. Segundo nos
lembra, un dos grandes
obxectivos do seu equipo
é facer avanzar e medrar as nosas capacidades como profesionais. E
como logralo? Pois nin máis nin menos que con formación
actualizada.
-En
Vitae Consultores, en boa medida, ofrecedes servizos de consultoría
e formación avanzada que semellan dirixidos a profesionais que xa
contan cunha formación avanzada. Por que é tan importante seguir
formándose para unha persoa que xa conta cunha ampla bagaxe de
capacitación e adestramento tecnolóxico?
-As
capacidades humanas desenvólvense mediante a formación, é dicir,
formarse ha de ser unha constante na vida profesional para o
crecemento e evolución do talento. O cerebro humano funciona desta
maneira, está deseñado para ser “curioso” e “obter
coñecementos” para potenciar as capacidades ou habilidades de cada
un.
-Nunha
parte importante dos cursos que organizades facedes fincapé na
necesidade de traballar con metodoloxías áxiles. Ben para
comunicarnos, ben para xestionar proxectos ou ben para adaptarnos da
mellor maneira posíbel aos cambios que poidan afectar a un grupo de
traballo (por exemplo que se incremente o grupo de profesionais, que
se abran vieiros de colaboración con outros grupos ou empresas...)
ou a unha empresa. Por que é tan fundamental que levemos á práctica
metodoloxías áxiles no noso día a día?
-As
metodoloxías áxiles son unha evolución das metodoloxías de
predición de toda vida e compleméntanas. Os dous aspectos máis
importantes das metodoloxías áxiles son que antepoñen primeiro ás
persoas antes que os procesos, co que se consegue a auto-organización
e o auto-liderado dos equipos de traballo e tamén antepoñen
primeiro a entrega de valor ao cliente no canto dos procedementos e a
documentación que non acheguen valor, o que reduce os tempos de
entrega e os custos.
-Outro
dos puntos nos que facedes fincapé é na seguridade. Por exemplo,
estes meses de novembro e decembro organizades o Curso Introdución á
Programación Segura ante Ciberataques. Sabemos que se trata dunha
actividade para axudarnos a lograr contornas protexidas de traballo
no desenvolvemento de aplicacións, pero contádenos un pouco máis
dos seus obxectivos e das cousas que nos axudan a facer no ámbito de
creación de programas e servizos....
-A
seguridade nas aplicacións son cada día son máis necesarias pois
cada vez facilítanse máis servizos a través de Internet e o
obxectivo é convertelas en menos vulnerables aos riscos de
ciberataques que se producen, e así conseguir a fiabilidade e a
tranquilidade para os usuarios no uso das devanditas aplicacións.
-Volvendo
á ciberseguridade, cal é a vosa opinión sobre como chegará a
afectar ao día a día das empresas TIC a medio e longo prazo? Credes
que, tal e como van ir as cousas, será imprescindíbel para un
desenvolvedor estar en alerta a tempo completo?
-A
día de hoxe existe necesidade nas empresas TIC en formación e
capacitación en ciberseguridade para que as aplicacións que
desenvolven sexan seguras, polo que estas empresas están a aplicar
protocolos de protección dixital nos seus procesos de creación
destas aplicacións.
-Algúns
dos vosos cursos teñen tras de si tantas edicións, tanto seguimento
e tanta capacidade de convocatoria que xa podemos dicir sen temor a
trabucarnos de que son cursos históricos. Por exemplo o Curso sobre
Dirección e Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum, Scrumban e
Lean Software. A que se debe o éxito desta actividade formativa que
os días pasados chegou á súa 23 edición? Por que segue estando de
actualidade?
-A
resposta a esta pregunta é doada, e ensínase neste mesmo curso de
Scrum e é a seguinte: “porque é útil” e “achega valor” esa
é a razón principal do éxito deste curso e dos outros cursos dos
cales levamos varias convocatorias, por exemplo o de Angular (8ª
edición), o de Big Data (8ª edición), o de Avaliación e
Selección de Perfís TI baseadas en Neurociencia (11ª Edición), o
de Clean Code (5ª edición ), ou o de PMI (14ª edición ) etc....
-Este
outono tendes programados unha serie de cursos de gran interese. Que
máis nos destacariades, aparte dos que xa mencionamos?
-Destacariamos
o Curso de Metodoloxías Áxiles Escaladas, que é unha formación
máis avanzada do curso de Scrum, xa que algunhas organizacións
precisan destas metodoloxías para facer realidade a tan coñecida
transformación dixital, é dicir, aplicar as metodoloxías áxiles
non só ao ámbito TI senón tamén ao ámbito de negocio.