Vitae celebra os seus once anos con nova web e nova oferta formativa

martes, 24 de xaneiro do 2017 Redacción

Vitae Consultores, consultora referente a nivel estatal e galego en materia de formación TIC avanzada para profesionais, vén de renovar a súa páxina web, facéndoa máis visual e sinxela de abranguer e, tamén, ceibándoa de todo aquilo que se poida interpoñer entre o usuario e a información que se ofrece, boa parte dela relacionada co dinámico programa de obradoiros innovadores de Vitae. A renovación da web coincide, por certo, co undécimo aniversario da compañía. Para celebralo, Vitae tamén preparou e presentou un plan formativo para 2017 que non só mantén as liñas estratéxicas de anos anteriores, senón que tamén afonda en especialización e amplía contidos.
Amais dos once anos de andaina en si mesmos, Vitae tamén celebra estes días unha serie de froitos acadados ao longo deste tempo: a cifra de máis 10.000 profesionais entrevistados e, tamén a cifra de máis de 8.000 profesionais formados en materia de xestión, habilidades persoais e de operacións.
Na nova oferta formativa que propón a consultora para este ano que comeza inclúense, entre outras cousas, os seguintes cursos: Dirección e xestión de proxectos TI áxiles con SCRUM; Avaliación e selección avanzada de perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia; Angular 2 con TypeScript e Observábeis; Fundamentos en Testing; Red e Redux: Desenvolvemento front-end moderno; Xestión multiproxecto: onde as metodoloxías preditivas e áxiles non abondan; Programación profesional de app multiplataforma con IONIC2 e Persoas sans, empresas sans.
Vitae, amais de todo o devandito, tamén quere destacar os seus cursos in company para empresas e multinacionais referentes a nivel mundial que, cada ano confían na consultora galega para formar aos seus profesionais nas tecnoloxías máis avanzadas. Neste punto cómpre salientar a formación que a compañía impartirá en xestión de proxectos PMI a un centenar de profesionais dunha multinacional con máis de 10.000 empregados en todo o mundo.

PUBLICIDADE